Quinkillada desbloquea novas fronteiras e leva a xira Paso a Pas a Bilbao e Olaitz (Navarra)
A banda de música festiva Quinkillada trascende de novo as fronteiras de Galicia para abrise paso na escena musical nacional co seu novo espectáculo Paso a Pas. Unha xira coa que actuarán en Bilbao, o venres 9 de maio, e na cidade navarra de Olaitz, o sábado 10, nun percorrido que segue a estela do éxito que envolveu ao grupo do Morrazo na sala Razzmatazz de Barcelona, onde compartiron cartel con Buhos ante 2.000 persoas.
Após a gran acollida que recibiron os de Bueu e tras compartir cartel cos cataláns en Compostela e en Barcelona, logrando sold out en ambos eventos, Quinkillada prepara as próximas actuacións que terán lugar en territorio vasco e navarro. Entre as novidades que conforman o novo espectáculo, inclúense unha posta en escena diferenciada das anteriores xiras, que conxuga unha coidada iluminación cunha estética renovada. Un conxunto de cambios que, unidos a unha sonoridade cargada de cumbia, ska, rock e electrónica, desembocan nun directo que funciona como un gran convite á festa.
Con case 100 concertos ás súas costas, a música da Quinkillada ábrese paso por novos territorios e traslada a enerxía da verbena e a música festiva a un público cada vez máis vasto e heteroxéneo.