
Baixo os remendos, nós
Ficha artística
Sinopse
Tras ‘Loitar cantando’ (2020), o primeiro proxecto do dúo Acordeireta (Saiáns, Vigo), chega ‘Baixo os remendos, nós’, un segundo disco para segundas vidas. Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón) parten do remendo co obxectivo de concibir un álbum distinto e innovador, no que se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Son eles, os remendos, os alicerces. Cos seus fíos preséntannos este novo traballo composto ao longo de varios anos, sen présa, ao son do corpo, nos Estudos Anxest, con Anxo Xesteira como encargado da gravación e a masterización.
Como xa acontecera en ‘Loitar cantando’, a poesía e a música encóntranse para confluír nas voces e mans de Patri e Alex. Este disco convértese nunha revolta, na que convive o social e a música tradicional, mesturada con temas de creación propia xunguida ás raíces e os textos de poetas, moitas delas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, como son Rosalía de Castro, Manuel María, Florencio Delgado Gurriarán ou Xela Arias. Ademais, neste traballo, Acordeireta rende homenaxe aos poetas labregos Paco Ledo e Alberto Calvín, aos gaiteiros Desiderio e Modesto de Murias, ao acordeonista Pazos de Merexo, á escritora Raquel Castro e a Luz Fandiño, autora que xa estivera presente no seu primeiro álbum (‘Loitar cantando’ son versos de Luz) e que agora volve, outra vez, estar con Patricia González e Alejandro Balbuena baixo os remendos.