Dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, Dous no camiño foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017. Nesta montaxe, dirixida a todos os públicos e cunha posta en escena moi sinxela, revísanse tres das lendas xacobeas máis populares: a do cabaleiro francés Roldán, a da barca de pedra de Muxía, e a traslatio do Apóstolo Santiago a Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas e con total respecto, Dous no camiño pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas. Ao longo dos 70 minutos de espectáculo, Isabel Risco e Fran Rei, de inicio unha peregrina e un peregrino de personalidades ben distintas que se atopan accidentalmente nun punto do camiño, vanse transformando no elenco de personaxes que protagoniza estas lendas: o cabaleiro Roldán, as irmás mouras, o Apóstolo Santiago, a Raíña Lupa e, moi especialmente, Teodoro e Atanasio, aloucados e divertidos discípulos do Apóstolo. En resumo, dous cómicos ao servizo dun espectáculo cómico ao redor das lendas xacobeas para gozar dunhas historias marabillosamente incribles.