Un espectáculo cun gran repertorio musical que fai que todo o mundo acabe cantando, rindo e bailando. “Palabras” non pretende ser só un espectáculo en lingua galega, esta obra enrédate para saír falando no noso idioma e continuar nos fogares xa que poden levar a música, coas letras, poesías, enredos e cantigas que se abordan ao longo do espectáculo, quedando expresos os seus contidos sociolingüísticos. Algo máxico teñen os enredos, lerias e xoguetas dos nosos maiores que aos pequenos atrápaos dende o primeiro momento e repiten con rapidez. “Palabras” nace da necesidade de dar continuidade aos proxectos de investigación sobre a nosa lingua galega que a compañía fixo no ano 2017 e 2020: “Puño puñete” e "Ris Ras". Nace de por en valor a nosa lingua, nace co obxectivo claro de profundizar nos ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos menos coñecidos para que non se esquezan.