Sempre Arriba é a compañía de clown e circo de Marta Iglesias, artista multidisciplinar galega. Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e formada en escolas como Oreka Zirko Eskola (Pamplona), International Clown School (Ibiza), Circo Criollo (Buenos Aires) e Hangar des Mines (Francia), sendo nesta última onde se especializou na pedagoxía clown de Michel Dallaire.
Despois de 7 anos dedicada ao clown de hospital coa Fundación Theodora, alén das colaboracións con outras compañías de clown, improvisación, teatro de rúa e circo, en 2018 comeza a súa andaina en solitario creando e presentando os espectáculos Oda ao Amor (2018), e o seu último traballo C’est Pas Possible (2019). En ambos os dous espectáculos desfruta empregando o clown como elemento comunicativo e combinándoo coa acrobacia aérea.
En 2017, foi galardoada co premio a mellor actriz no Festival de Teatro de Mora, coa compañía Immaginario Teatro, e en 2020, o premio do xurado ao mellor espectáculo con Oda ao Amor, no Encuentro de Payasas Mujeres con Narices, en Gran Canaria.