Máis un día de traballo por diante e, baixo a súa responsabilidade, que todo estea listo para o inicio da función. Feita a traballar na sombra, a técnica e rigger, é a encargada de montar o pórtico de aéreos e preparalo todo para que a Gran Artística brille en escena. Responsábel, disciplinada, eficaz e profesional, cada día pon o mellor de si mesma; mais hoxe a súa rutina vaise ver alterada pola mirada do público, espertando o seu lado lúdico e fantasioso, e levándoa a facer aquilo que cría imposíbel. Unha viaxe cara o reencontro cun mesmo e o pracer de vivir e compartir. Empregando o clown como linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro: aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, esquecéndonos de desfrutar e de nos deixar ser. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea que convida o público a se empapar coas emocións que este personaxe vive en escena.