Vero Rilo é narradora oral e educadora.
Como narradora, fórmase con importantes e queridos referentes da narración oral galega e internacional como Charo Pita, Tim Bowly, Quico Cadaval, Pepito Mateo, Nono Granero, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo Albo ou Soledad Felloza e asiste as escolas de verán AEDA nos anos 2015, 2017, 2018 e 2019. O rodar da vida e o interese pola primeira infancia fai que en 2017 forme a compañía Rilo&Penadique coa mestra, cantante e acordeonista Sonsoles Penadique.
Dende o 2018 investiga os límites e puntos de (des)encontro do contar e cantar coa vocalista Faia Díaz (De Vacas, Coro Encaixe) en Apatacón. No 2019 enrédase en Divas de Diván coas narradoras e compañeiras Ángeles Goás e Carmen Conde Gaute nunha sesión compartida de contos eróticos. Dende o 2019 xira con Pallasos en Rebeldía, coa obra teatral O Valo, de Carlos Labraña e dirixida por Iván Prado.
Na actualidade aposta pola súa compañía de narración oral e música Vero Rilo, traballando ao só ou acompañándose de diferentes músicos como Santi Cribeiro (Berrogüeto, Os d ́Abaixo) ou o multifacético Luis Iglesias (Trikornio, Potemkin).