A Primavera ten q ser nosa é o nome desta nova xira na que O Sonoro Maxín homenaxean ao seu ex-batería Jaime Mateo. Presentan novos temas que mesturan con cancións xa recoñecidas por todos e todas nos seus xa 15 anos de traxectoria. O cerne que vertebra o espectáculo é a personalidade propia do conxunto que acolle, baixo as súas pólas, diferentes estilos musicais como a cumbia, o forró, o merengue e o rock, inventando as cancións da Galiza tropical e ofrecendo as súas flores e froitos convencidas que a primavera aínda está por chegar. "O inverno atrapounos por completo. Quedamos totalmente núas, sen follas para abrigar o noso corpo. Mais hoxe, o día amenceu azul e brillante, e unha raiola de luz conseguiu deixar os nosos ollos abertos. O sol quenta, as cantigas andan xa a rebentar na chaira, o vento zoa tras as montañas e unha danza vermella abre a terra baixo os nosos pés. Os días coma hoxe fan que unha idea salte de boca en boca: chegará, de novo, a primavera. Regresarán as cegoñas. Agromará a ameixeira. Os sapos volverán cantar con forza, coma nós. Temos as raíces na terra e o ramo florido. A primavera ten que ser nosa.